Os alumnos do obradoiro de emprego traballan na mellora do acceso a Ribeira

    RIBEIRA> Os alumnos-traballadores do obradoiro Curota iniciaron xa as obras de renovación de beirarrúas da avenida da Coruña. Un total de dez operarios, baixo a dirección do instrutor Carlos Pérez, están a traballar nesta vía con miras a mellorar a seguridade viaria nunha das principais portas de entrada á cidade. Froito do labor da escola taller serán renovadas as beirarrúas do treito entre a rotonda das Carolinas e o cruce coa rúa Lajareu. Serán empregadas lousas de formigón en cores branco e gris, conferindo ao lugar da actuación unha estética similar a da rúa Vionta en Aguiño na que se traballou o pasado ano. Previamente a que comezaran os labores a pé de campo, o conxunto dos alumnos do obradoiro Curota, que está compartido co resto de municipios de Arousa Norte, tiveron ocasión de recibir unha intensa formación teórica, tanto no oficio obxecto da aprendizaxe (pavimentación e albanelería de urbanización), como noutras materias: prevención de riscos, sensibilización e igualdade de xénero, sensibilización ambiental e formación empresarial.