Novos pasos cara a igualdade de xénero

    mullertraballadora_100_080307.jpgBARBANZA > A conmemoración do Día da Muller Traballadora abre un debate sobre a actual situación do emprego feminino.

    A pesar dos moitos avances que se teñen producido na incorporación da muller ó mercado laboral, estas seguen a percibir salarios máis baixos en relación cos homes e teñen maiores dificultades para acceder ós postos de responsabilidade. Esta tendencia non é exclusiva de Galicia senón que se reproduce en tódalas comunidades autónomas poñendo de manifesto que a consecución da igualdade real entre homes e mulleres está aínda moi lonxe.

    Na actualidade, as mulleres sufren unha porcentaxe de desemprego moito maior e os postos de traballo máis cualificados, e polo tanto mellor retribuídos, están na súa maior parte ocupados por homes. Estes datos reflexan que, aínda que nos últimos anos moito se ten avanzado na incorporación da muller a diversos ámbitos profesionais, existe unha importante discriminación en función de xénero.

    Conciliación da vida familiar e laboral

    Dende a delegación comarcal de CCOO insístese en que un dos primeiros pasos cara a igualdade pasa pola habilitación de medios que permitan conciliar a vida laboral e familiar.

    O sector conserveiro é un claro reflexo desa tendencia social discriminatoria. A maior parte das traballadoras son mulleres pero soen ocupar os postos máis baixos na liña de producción mentres que os cargos de dirección resérvanse fundamentalmente ós homes. As auxiliares de producción perciben un salario moito máis baixo que outros traballadores de categorías similares. Esta diferenciación tentará corrixirse coa sinatura do convenio do sector da conserva que na actualidade estase a negociar.

    O papel das administracións públicas é fundamental no camiño cara a igualdade, a través do deseño de políticas non discriminatorias e a proposta de inciativas lexislativas que equiparen o papel de homes e mulleres en tódolos eidos. Pero non só é labor das administracións crear condicións de igualdade senón tamén do sector empresarial e, como non, da propia sociedade.

    Redacción Barbanza