O bo prezo en lonxa compensa as escasas capturas de polbo

    RIBEIRA> As capturas de polbo na lonxa de Ribeira son sensiblemente inferiores á de anos anteriores. Aínda así o elevado prezo que está a alcanzar o cefalópodo en rula, cunha media de sete euros, está a salvar en parte a campaña. Sen dúbida o polbo é un dos produtos estrelas da nosa gastronomía. A súa presenza é case indiscutible en festas e romarías, especialmente na tempada de verán. Aínda así nos últimos anos a escaseza de capturas deste produto está a causar certa preocupación no sector. Na lonxa de Ribeira subhástanse diariamente ó redor dun mil cincocentos quilos, cando en anos anteriores superábase os tres mil. O único que salva a campaña é elevado prezo que está a alcanzar en lonxa, cun prezo medio de sete euros. En canto á escaseza de capturas, o patrón maior de Ribeira apunta a que podería deberse a novos hábitos de vida da especie, derivados tamén do cambio climático, xa que a maioría do que se colle vén ovado. José Antonio Pérez considera que deberían realizarse novos estudos biolóxicos para barallar a posibilidade de adiantar ou retrasar a veda da especie. Aínda así confía en que a situación mude e mellore de cara a outubro.