A nai das nenas asasinadas manda unha mensaxe de confianza na xustiza

PONTEVEDRA> Moraña segue conmocionada tralo asasinato de dúas nenas o pasado venres, presuntamente a mans do seu pai. O impacto do dobre parricidio transcendeu os límites do municipio pontevedrés, e hoxe diante da Deputación de Pontevedra gardouse un minuto de silencio en sinal de repulsa ante este tráxico suceso. Mentres, o xulgado de Caldas interrogou hoxe a tres persoas en calidade de testemuñas, para intentar botar luz sobre o crime.

Ás portas da Deputación de Pontevedra e do concello da capital gardouse este mediodía un minuto de silencio en recordo das pequenas asasinadas o pasado venres en Moraña. 

Caras serias entre todos os asistentes. Na concentración ante a sé provincial estaban a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, e a concelleira nacionalista Eva Villaverde, que tamén son deputadas. Ambas estaban visiblemente afectadas.

Mentres Moraña segue conmocionada por este dobre asasinato, o Xulgado número 1 de Caldas continúa a investigar o sucedido na vivenda de O Casal o pasado venres. Esta mañá interrogaron a tres persoas en calidade de testemuñas, pero o secreto de sumario que pesa sobre o caso non permitiu coñecer máis detalles.

O presunto parricida, David Oubel, está no cárcere de A Lama dende o sábado pola tarde, tras negarse a prestar declaración ante a xuíza, que decretou o seu ingreso en prisión sen fianza. A Fiscalía considera ao morañés autor dun dobre asasinato degolando as súas fillas de 4 e 9 anos cunha rebarbadora.  Xa adiantou tamén que pedirá para el a pena de prisión permanente revisable, coñecida como cadea perpetua encuberta, que contempla o Código Penal dende o pasado 1 de xullo e pola que cumpriría un mínimo de 25 anos de cadea. Sería o primeiro caso en España.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/03/concentracion_crime_morana.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/03/concentracion_crime_morana.mp4{/flowplayer}