O humor será o fío condutor do XXI Salón do Libro Infantil e Xuvenil

PONTEVEDRA>  Comezan os preparativos para celebrar, un ano máis, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil. O humor será o fío condutor desta 21ª edición. Ademais, segundo informou esta mañá a concelleira de Cultura, o país convidado neste evento será Italia. A cita será do 6 ao 27 de marzo.

O goberno municipal comeza xa a prepararse para unha nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. E para celebrar os 21 anos de historia deste evento que mellor tema principal que o humor.

O humor converterase no fío condutor desta 21ª edición. Unha edición que ademais contará con Italia como país convidado.

Co obxectivo de continuar co proceso de internacionalización deste Salón do Libro, o goberno municipal presentou esta mañá da man da Galix, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, a 3ª convocatoria ao Premio Internacional de Ilustración. Un concurso que cada ano recibe máis de 100 propostas procedentes de 30 países diferentes.

O prazo para presentar os carteis da vindeira edición do Salón do Libro estará aberto ata o 14 de outubro. O gañador será premiado, nin máis nin menos, que con 3.000 euros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí