Alfonso Rueda, proclamado presidente do Partido Popular de Galicia

PONTEVEDRA> Alfonso Rueda xa é oficialmente o novo líder dos populares galegos. Tras unha intensa fin de semana, non houbo sorpresas e o pontevedrés foi proclamado novo presidente do Partido Popular en Galicia. A súa foi a única candidatura e conseguiu superar o 97% dos votos no congreso que esta fin de semana se celebrou en Pontevedra. Xa como presidente do PPdeG, Rueda asegurou que asume o cargo con ilusión e que será moi esixente.

Alfonso Rueda xa está á fronte do Partido Popular de Galicia. Esta fin de semana Pontevedra acolleu o congreso do PPdeG para substituír a Alberto Núñez Feijóo. A de Rueda foi a única candidatura que se presentou, e conseguiu máis dun 97% dos votos dos compromisarios.

Traballo, familia e futuro serán, asegurou o xa presidente do Partido Popular de Galicia, os eixos da súa acción de goberno. Un traballo no que, afirmou, será moi esixente.

Numerosos persoeiros do Partido Popular arrouparon a Rueda durante o congreso. Pero entre todos destacou o que fora presidente do PPdeG durante 16 anos. Alberto Núñez Feijóo puxo deberes claros ao novo equipo.

Así as cousas, Núñez Feijóo deu total liberdade ao seu sucesor para gobernar o Partido Popular e a Xunta de Galicia.

No auditorio estiveron tamén o presidente de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, a secretaria e o coordinador xeral do PP, Cuca Gamarra e Elías Bendodo, ou o voceiro no Senado, Javier Maroto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí