Ana Peleteiro e Lidia Parada brillan nos Campionatos de España de Atletismo

BARBANZA> A ribeirense Ana Peleteiro proclamouse campioa de España de triple salto mentres que a pobrense Lidia Parada facíase co mesmo título na modalidade de lanzamento de xavelina. Corren bos tempos para o atletismo barbanzán, ou iso parece despois de ver os resultados acadados nos campionatos de España en categoría absoluta ó aire libre celebrados esta pasada fin de semana en Castellón. Destacan por riba de todo os méritos de dúas atletas: Ana Peleteiro e Lidia Parada. A primeira dominou, case de principio a fin, a proba do triple salto, facéndose coa medalla de ouro cun salto de 13’95. por detrás dela na proba quedaron Patricia Serrapio, a outra das grandes favoritas, cunha marca de 13,76 e en terceiro lugar Andrea Calleja cun rexistro de 13,63.Trátase do seu primeiro entorchado en categoría absoluta e o primeiro ó aire libre. Aínda así para a ribeirense o resultado non foi de todo satisfactorio, xa que tiña postas moitas esperanzas en conseguir marca para poder acudir ó próximo Mundial de Pekín, no que o mínimo establecido está fixado nos 14’20. O segundo dos éxitos viña da man da lanzadora pobrense Lidia parada que realizou unha actuación espectacular, o que lle valeu facerse cp titulo nacional en lanzamento de xavelina. Logrouno ademais coa súa mellor marca persoal con 59’03. O rexistro supón ademais un novo record de España en categoría sub-23, situándoa ademais como cuarta mellor marca española de tódolos tempos.