Boiro Novo demanda a retirada dun peche ilegal no roteiro de Vitres

    BOIRO> Boiro Novo volve denunciar o estado de deterioro en que se atopa o roteiro de sendeirismo entre Boiro e o Castelo de Vitres. A situación veuse agravada pola construción dun peche privado no treito de Runs que impide o tránsito peonil. Non se trata dunha denuncia nova. Xa en xaneiro, a asemblea cidadá Boiro Novo alertaba do mal estado de conservación do roteiro medioambiental do Castelo de Vitres. Agora, ademais de seguir demandando o acondicionamento e a reposición do equipamento nalgúns treitos, denuncian a existencia dun muro que impide o tránsito peonil na zona de Runs. Dende Boiro Novo instan ó executivo a supervisar este peche privado que cualifican de ilegal xa que non respecta a distancia mínima ó cauce do río. Consideran que tanto este sendeiro como outros existentes no municipio constitúen un importante atractivo turístico pola súa riqueza natural. A asemblea cidadá agarda que o executivo tome nota das súas demandas e inicie os trámites para a demolición do peche así como a limpeza e acondicionamento do camiño e reforzo da sinalización.