A loita contra o cancro precisa da túa colaboración

    RIBEIRA> O Grupo De Oncoloxía Médica Traslacional, ONCOMET, de Santiago, apela á solidariedade da sociedade para conseguir financiar o estudo da biopsia líquida. Unha nova técnica na loita contra o cancro que están divulgando nunha campaña de micromecenado. Esta mañá estiveron en Ribeira. Galicia na vangarda da investigación oncolóxica. É o que pretende o grupo de Oncoloxía Médica Traslacional (oncomet), do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago. Levan traballando máis de cinco anos para situar Galicia como referente nacional no marco da medicina oncológica de precisión. Nestes momentos están inmersos nunha campaña de micromecenado para conseguir os 500.000 euros que precisan para investigar a biopsia líquida, un novo método, rápido e sinxelo, para analizar tumores a través dunha extracción de sangue. Hoxe estiveron en Ribeira, pero levan xa mes e medio percorrendo Galicia con esta campaña. Calquera cidadán pode participar nesta campaña de recadación de fondos apostando por unha investigación que pode salvar moitas vidas. Un simple xesto, que para moitos galegos e galegas pode non supoñer esforzo, e que significaría un paso moi importante na loita contra o cancro.