Retiran residuos voluminosos do fondo da dársena da Pobra

    POBRA> A Semana do Mar da Pobra acolleu unha actividade de limpeza de fondos. A empresa Arousa Aventura e a asociación Mar Pobra retiraron os residuos depositados no fondo da dársena portuaria. Dende neumáticos, aparellos de pesca, latas e mesmo embarcacións. Os residuos máis insólitos poden acharse no fondo mariño; de aí, a necesidade de promover actividades de limpeza como a desenvolvida no porto da Pobra. Os buzos somerxéronse durante máis de dúas horas para retirar parte dos distintos materiais depositados no fondo da dársena. Ademais da contribución para reducir a contaminación do medio mariño, estas accións teñen un marcado carácter de sensibilización. O feito de sacar a luz os residuos que non adoitamos ver axuda á poboación a concienciarse sobre a necesidade de non utilizar o mar como un vertedoiro. Esta actividade enmárcase na Semana do Mar da Pobra na que se desenvolveron tamén unhas xornadas gastronómicas, outras de actividades náuticas ou unha exposición de artes pesqueiras. Actividades que aínda terán continuidade ata o xoves co obxectivo de poñer en valor o medio mariño.