Os concellos de Arousa Norte piden adherirse ó Programa de Vivendas Baleiras da Xunta

    RIBEIRA> A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, reuniuse cos representantes da Mancomunidade para analizar tamén diferentes actuacións relativas á seguridade viaria e á mobilidade. A titular de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantiveron unha xuntanza de traballo cos alcaldes dos municipios que integran a Mancomunidade Arousa Norte co fin de abordar actuacións para a mellora da mobilidade e o incremento da seguridade viaria nas estradas autonómicas ó seu paso polos respectivos concellos. Unha das actuacións máis importantes levarase a cabo na estrada AC-305 entre Padrón e Ribeira na que executarán traballos de mellora do firme no verán, supoñendo un investimento de preto de 680 mil euros. Outra das actuacións xa iniciada irá encamiñada ó reforzo da sinalización nos enlaces da autovía do Barbanza. Durante a xuntanza tamén se abordaron outros asuntos de interese. Un deles, a adhesión dos concellos da comarca ó Programa de Vivendas Baleiras activado pola Xunta para combater os desafiuzamentos.