Deteñen a Juan Carlos Quer por un presunto delito de violencia de xénero

BARBANZA> A denuncia foi presentada pola súa exmuller, Diana López-Pinel. Acusábao de golpeala e provocarlle diversas lesións nunha man, así como tamén de intentar atropelala no garaxe da súa vivenda en Madrid.

Esta mañá Juan Carlos Quer presentouse voluntariamente, acompañado do seu letrado, no cuartel da Garda Civil de Majadahonda, o mesmo lugar no que a súa exparella presentara onte a denuncia. Con anterioridade acudira á comisaría da Policía Nacional de Pozuelo onde presentou unha querela contra a súa exmuller por inxurias e calumnias. Adxuntaba ademais un parte médico que reflectía que ela o gaduñara durante unha discusión. O propio Juan Carlos Quer contestaba a través de mensaxe telefónica a varios medios sinalando que será agora o xuíz o que, á vista dos feitos e dos antecedentes de denuncias falsas presentadas en anteriores ocasións, deba tomar unha decisión ó respecto.

A detención de Juan Carlo Quer prodúcese precisamente a escasas semanas da apertura do xuízo pola morte da súa filla. Será a partir do 29 deste mes de outubro na sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago.

José Enrique Abuin, ‘O Chicle’, xa foi trasladado dende a  prisión de Mansilla das Mulas, en León, a Teixeiro. No cárcere coruñés agardará para ser xulgado. O cambio débese fundamentalmente a razóns de operatividade, para facilitar os traslados a Santiago para o inicio do xuízo. Abuín, que será xulgado por un xurado popular, deberá responder polos delitos de asasinato, agresión sexual e detención ilegal. A Fiscalía pide para el prisión permanente revisable polo delito de asasinato,  vinte anos de prisión e inhabilitación absoluta polo delito de detención ilegal, e doce polo de agresión sexual, ademais de reclamarlle unha indemnización para a familia Quer de preto dos 300 mil euros. O autor confeso do crime da moza madrileña atópase recluído no módulo de ingresos. Está só na cela, pero constantemente vixiado por outros reclusos de confianza, para evitar posibles enfrontamentos con outros presos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí