O pleno da Deputación aproba a proposta de organización do novo goberno

A CORUÑA> A corporación provincial da Deputación da Coruña aprobaba esta mañá a proposta de organización do novo goberno da institución. O máis salientable é, se cabe, o aforro de máis de catro millóns de euros previsto para o actual mandato. A proposta, que saiu adiante cos votos favorables de PSOE, BNG, PP e Alternativa dos Veciños, contempla a baixada dos salarios, indemnizacións por asistencias a plenos e comisións, e no número e nivel retributivo do persoal eventual. Os demais recortes nos gastos de funcionamento do ente provincial produciranse como consecuencia da eliminación das xefaturas de área creadas polo anterior Goberno e da rebaixa nos gastos de protocolo e publicidade. A proposta de organización inclúe tamén a creación dunha Xunta de Portavoces, un órgano novo de debate e coordinación, que terá un especial protagonismo e no que participarán tódolos grupos, para debater os asuntos que irán posteriormente á Xunta de Goberno e ó Pleno da institución.