A elite do remo competirá este próximo domingo en Cabo de Cruz

BOIRO> A localidade crucense acollerá a partir das doce a disputa da vixésimo quinta edición da Bandeira Concello de Boiro. Cabo de Cruz concentrará este próximo domingo, a partir das doce da mañá, tódalas miradas dos afeccionados ó mundo do remo coa disputa da vixésimo quinta edición da Bandeira Concello de Boiro. A regata enmárcase no calendario da Liga ACT-San Miguel, hoxe en día a competición máis relevante do panorama nacional do remo. A de Boiro será a undécima proba dunha liga moi competida que encabezan Hondarribia e Urdaibai, as dúas tripulacións máis fortes na presente campaña. Contra elas deberá lidar o club anfitrión, o Club de Remo Cabo de Cruz, que agarda facer un bo resultado nesta regata. Dende o concello volveron incidir na importancia desta regata que forma parte da liga de remo máis prestixiosa a nivel nacional. Un privilexio para Boiro, grazas ó traballo e o esforzo dun equipo como é o Club de Remo Cabo de Cruz, que a pesar da súa humildade, estalle a dar grandes alegrías ó deporte boirense. A de Boiro será a última das probas da Liga ACT-San Miguel que se disputarán este ano en Galicia.