Volve o fútbol e a emoción cunha apaixoante primeira xornada

futbol250_290808.jpgSALNÉS > Esta fin de semana arranca a temporada en Terceira División cunha apaixoante primeira xornada de Liga. Portonovo e Céltiga xogarán na casa mentres que Vilalonga e Arousa farano fóra. Todos eles o domingo a partires das 18:00.

Gran temporada de Terceira División a que nos agarda. Despois dun verán con moitas fichaxes e movementos de xogadores e adestradores dun club a outro, toca ver quen acertou e quen non. Así se plantexa a xornada inaugural para os equipos da comarca do Salnés.

Un dos que o arranca na casa será o Portonovo, ante o Rápido de Bouzas. A grande novidade do conxunto arlequinado está no banquiño, coa volta de Milucho no lugar de Piscis. Polo demais, mantén un bloque experto e de moita calidade onde o rendemento dos xogadores importantes coma Curiel, Alex ou Baptiste determinará a posición do equipo na táboa.

O Céltiga tamén debuta na casa ante o Montañeros. Un conxunto o da Illa que se pode semellar moito ó Vilalonga do ano pasado. Non en van tres xogadores e mailo adestrador cambiaron San Pedro polo Salvador Otero: Albert, César, Cardeñosa e a peza clave, o técnico Josiño Abalde, que vai intentar facer un conxunto forte e difícil de batir. Para o domingo a única baixa segura será a de Costas.

O Vilalonga pola súa banda debuta na casa dun dos galos da categoría, o Narón. Un conxunto o celeste que contará coa experta man no banquiño de Gabi Leis que se marca coma obxectivo a salvación. As fichaxes de Roberto Pazos e Rubi reforzan a un grupo que sufríu baixas importantes co respecto ó pasado exercicio.

Un dos partidos máis interesantes da xornada é o que dispitarán dous conxuntos históricos no campo do Couto: Ourense – Arousa. Os vilagarciáns afrontan o ano con optimismo, cun plantel ampliado e mellorado con respecto ó ano pasado e tan só coa inquedanza de resolver o caso Roberto e a súa marcha definitiva do club. Os malos resultados de pretemporada semella non preocupar no seo do equipo antes do debut ante o cadro ourensán, un dos favoritos a priori para meterse na fase de ascenso.

Redacción Salnés