Os amantes do motor teñen unha cita en Noia esta fin de semana

    NOIA> Todo a punto para a concentración moteira Ría de Noia que se celebrará esta fin de semana na vila. Ademais dos trescentos participantes inscritos que permite o aforo, a organización agarda que miles de motos se despracen ata a localidade para asistir ás numerosas actividades. A principal novidade desta oitava edición serán as exhibicións acrobáticas. O esforzo desenvolvido durante todo o ano polo Motoclub Noia para a organización desta concentración terá a súa merecida recompensa co éxito que, de seguro, acadará esta oitava edición. Dende o venres ata o domingo o ruxir dos motores invadirá a vila noiesa con trescentos participantes inscritos e miles de visitantes atraídos pola ampla oferta de actividades que, na súa maioría, desenvolveranse en Labarta. Ademais das exhibicións, os participantes sairán en ruta pola comarca. O sábado pola noite protagonizarán unha moi especial, a de antorchas, en lembranza dos compañeiros falecidos. Pero ademais desta homenaxe haberá tempo para a música, a festa e a degustación de produtos típicos da terra. Haberá dúas modalidades de inscrición: a completa, de vinte e cinco euros, que inclúe xantar e cea tódolos días así como acampada en pavillón e a media, de quince euros, para os que se incorporen á concentración a partir da tarde do sábado.