As denuncias por furtivismo en Barbanza seguen en aumento

    BARBANZA> A entrada en vigor do furtivismo coma delito hai apenas un mes non está a provocar unha diminución nas denuncias por esta práctica, máis ben todo o contrario. Todo facía presaxiar que coa reforma do código penal e a tipificación do furtivismo coma delito ía apartar dos areais a moitos mariscadores ilegais. Lonxe diso a situación a día de hoxe, un mes despois dende a súa entrada en vigor, segue a ser a mesma, ou se cadra peor, xa que os furtivos están a actuar de xeito máis agresivo, especialmente cos vixilantes dos pósitos. O especial control que as forzas e corpos de seguridade do Estado están a realizar nos areais de Boiro, unha das zonas nas que estas prácticas ilegais eran máis comúns, está a provocar tamén que os furtivos se despracen a outros concellos veciños como é o caso da Pobra do Caramiñal e Rianxo. A comarca do Barbanza segue a liderar o número de denuncias tramitadas dende a consideración do furtivismo coma delito superando xa en moito os douscentos expedientes cursados pola Policía Autonómica. As penas para os autores desta práctica ilegal poderían ir dos seis meses ós dous anos de prisión.