RIBEIRA> O executivo local vén de dar a coñecer o resultado da consulta realizada nas últimas semanas para coñecer o interese do empresariado en asentarse no futuro polígono industrial que se prevé construír na localidade. Dende o equipo de goberno destacaron a elevada demanda de chan existente, superando incluso as expectativas iniciais, o que fai pensar na necesidade de traballar xa nunha segunda fase.
Rematado o período de consulta pública realizada polo Concello para obter unha estimación da demanda real de espazo no futuro polígono industrial que se prevé levar a cabo no municipio, na contorna de Fontenla e Pedras Vermellas, na parroquia de Palmeira, os datos obtidos superaron con moito as expectativas, ata o punto de esgotarse virtualmente a superficie planificada. O alcalde, Manuel Ruíz, indicou que foron un total de 41 empresas as que manifestaron o seu interese en ocupar unha superficie de terreo inicial duns 156 mil metros cadrados. Uns datos moi positivos e que evidencia a necesidade de chan industrial que ten o municipio.
O resultado da consulta realizada fixo que o Concello se puxera xa a traballar no desenvolvemento dunha segunda fase que permita dotar de máis metros cadrados ó tecido industrial do municipio. O prazo que manexa actualmente o executivo local para a licitación das obras é o último trimestre de 2021.