O pleno da Pobra apoia as demandas da Plataforma pola Sanidade Pública

A POBRA> O pleno da Pobra aprobou unha moción presentada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza instando á Xunta a cubrir as vacantes de persoal sanitario no centro de saúde e garantir a apertura do PAC en quenda de tarde. A proposta saíu adiante coa abstención do PP e o voto a favor do resto dos grupos.

A Pobra celebraba este mediodía unha sesión plenario máis concorrida do habitual. Membros da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza asistiron ó debate da moción presentada por esta entidade para reclamar o apoio de toda  a corporación nas súas demandas. Entre as principais, a dotación de persoal suficiente e a cobertura das baixas e vacantes así como a elaboración dun plan específico de reforzo da atención primaria no Barbanza.

Outra das principais reivindicacións na Pobra é a apertura do PAC en horario de tarde garantindo a axeitada atención das urxencias. Na actualidade é o único de toda Galicia xunto co de Rianxo que non presta servizo entre as tres da tarde e as dez da noite. Trala exposición da moción, os grupos políticos tomaron a palabra.

O PP presentou unha emenda coa intención de engadir un punto para instar ó goberno de España a adoptar as medidas necesarias para garantir as dispoñibilidade de profesionais para cumprir cos puntos anteriores así como retomar o diálogo cos médicos para impulsar unha reforma do estatuto marco consensuada que evite novas convocatorias de folga. Foi desestimada cos votos en contra dos restos do grupo polo que se mantivo o texto orixinal da moción que foi aprobada coa abstención dos populares e o apoio do resto da corporación.