Boiro estrea un mapa interactivo con información sobre investimentos públicos

BOIRO> O concello de Boiro avanza na súa política de transparencia cun mapa interactivo sobre investimentos. Esta ferramenta, xa dispoñible na web municipal, permite á cidadanía acceder á información sobre os proxectos executados nas distintas parroquias así como as fontes de financiamento.

O concello de Boiro conta cunha oficina de subvencións que xestiona ó redor de dous millóns e medio de euros anuais procedentes doutras administracións. Co obxectivo de dar a coñecer estes investimentos entre a cidadanía, a administración vén de habilitar un mapa interactivo xa dispoñible na web municipal boiro.org.

Esta ferramenta  recolle información dos proxectos executados dende o ano 2021 tanto no casco urbano como nos núcleos das distintas parroquias. Permite filtrar a busca por zona, data, categoría ou entidade e ofrece información detallada como o ano de execución da obra, orzamento total, importe subvencionado, anualidades e fontes de financiamento.

Trátase dunha ferramenta pioneira en toda Galicia que busca favorecer o acceso da cidadanía á información sobre o destino dos fondos públicos.