Fole presenta as súas condicións a cambio da maioría máis ampla da historia

    VILAGARCÍA> O Partido Popular de Vilagarcía tende a man a Alberto Varela. Tomás Fole presentou esta mañá a súa proposta para formar un goberno de coalición cos socialistas. Os populares piden unha dedicación exclusiva e unha parcial, a concellería de economía e facenda, unha tenencia de alcaldía, manter investimentos recollidos no seu programa e o 50% dos orzamentos ordinarios. A cambio, ofrecen unha maioría de 15 concelleiros, a máis ampla que nunca tivo Vilagarcía.

     

    Flexible, realista, humilde, menos ríxida e esixente pero máis efectiva. Así describiu Tomás Fole a proposta que hoxe presentaron a Alberto Varela.

    Valente e responsable foron outros dos adxectivos para describir a proposta, elaborada baseándose nos pactos de anteriores gobernos. 

    Os populares apoiarán o salario do alcalde sempre que non supere o do funcionario que máis cobre no concello. Propoñen 31.600 euros para as dedicacións exclusivas e 18.900 para as parciais, que se repartirían dúas totais, sen incluír a do alcalde, e unha parcial para o PSOE e unha de cada para o Partido Popular. Ningunha sería para Tomás Fole.

    Das concellerías piden Economía e Facenda, Promoción Económica, Turismo e Emprego, Deporte e Medio Ambiente, Parques e Xardíns. Todas serían negociables, agás a de Economía.

    Unha tenencia de alcaldía, a presidencia da Fundación Fexdega, a representación no consello da Autoridade Portuaria e na Mancomunidade do Salnés ou manter investimentos do seu programa como o proxecto da praza de abastos ou o de xogos lúdicos na praia de Compostela, son outras das peticións. Tamén o 50% do orzamento ordinario anual do concello.

    A cambio, os populares ofrecen unha maioría de 15 concelleiros, a máis ampla da historia de Vilagarcía. 

    Acompañado por todo o grupo popular, Fole recoñeceu que o comité executivo do partido tivo certas reticencias á hora de apoiar a proposta, que xa foi rexistrada no concello. Agora agardarán a resposta dos socialistas, e asegurou que están abertos a negociar outras posibilidades.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/13/pp_villa_proposta_goberno.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/13/pp_villa_proposta_goberno.mp4{/flowplayer}

     

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí