Lousame acollerá o próximo 30 de agosto o IX Encontro de Bandas

    LOUSAME> A actividade, coa que pretende renderse tamén homenaxe ó músico Prudencio Romo, celebrase no campo da festa do San Roquiño e nela tomarán parte as bandas de música de Arzúa, a de Caldas e tamén a de Lousame. Por noveno ano consecutivo a Asociación Cultural Prudencio Romo e colaboración co concello e outras entidades, entre elas a Deputación da Coruña, organiza este encontro de bandas de música. A cita será o próximo domingo 30 de agosto, a partir das seis da tarde no campo da festa do San Roquiño. Tres serán as bandas convidades este ano. A Banda de Música de Arzúa, a Municipal de Caldas e a anfitrioa, a Banda Municipal de Lousame. Dende o concello destacaron a importancia deste evento, que cada ano está a adquirir un maior protagonismo. Segundo a alcaldesa, Teresa Villaverde, produce un gran orgullo o poder acoller unha cita destas características, non só pola importancia das bandas que participan, senón tamén de emotiva homenaxe que se lle tributa a un gran músico local, como foi Prudencio Romo, quen dá nome ademais a este encontro, e foi un dos impulsores da banda municipal.