O armador de Ribeira secuestrado evoluciona favorablemente tras ser liberado

    RIBEIRA > Final feliz para o secuestro do empresario ribeirés Andrés Gude que foi liberado o domingo nas inmediacións dun vertedoiro na periferia de Lima. O armador atopábase inconsciente, con feridas de bala nunha perna e nun brazo e varios golpes en todo o corpo. Actualmente recupérase nunha clínica na compaña do seu fillo.

    armadorribeira_300_030406.jpgO calvario vivido por Andrés Gude e a súa familia chegou o domingo á súa fin coa liberación do empresario ribeirés, tras doce días retido contra a súa vontade por unha banda de secuestradores. Gude foi atopado nas inmediacións dun vertedoiro situado no distrito de San Juan de Miraflores, un barrio periférico da capital peruana.

    O armador atopábase amordazado e cos ollos vendados e presentaba feridas de bala nas pernas así como golpes e contusións no corpo. O cidadán que atopou ó empresario, Henry Segura, relatou ós medios de comunicación peruanos que Gude presentaba signos evidentes de tortura e a penas podía sentir as pernas. Segundo o seu testemuño, o empresario contoulle que os secuestradores inxectábanlle sustancias para deixalo inconsciente posto que el lles pedía que o matasen.

    O armador ribeirés atópase hospitalizado debido ás lesións físicas e a importante perda de peso xa que baixou aproximadamente uns quince quilos durante o seu cativerio. Xunto con Gude atópase o seu fillo maior, Daniel Gude, que nada máis coñecer a noticia do secuestro do seu pai partira cara Lima para negociar cos secuestradores. Nas próximas horas agárdase a chegada do resto dos familiares que acaban de poñer fin a doce días de tensa e angustosa espera.

    A casa que o armador ten na parroquia de Castiñeiras e onde se trasladara a familia dende que o armador foi secuestrado, rexistrou unha actividade maior do normal con constantes entradas e saídas de vehículos que acudiron a ver á familia nada máis coñece-la noticia da liberación. As investigacións da Policía Nacional de Perú en colaboración coa española e a Interpol permitiron resolver o suceso coa detención, o pasado xoves, de Aldo Enrique Esquivel, alcumado ‘Loco Aldo’. Este coñecido delincuente peruano foi, presuntamente, o organizador do rapto de Andrés Gude e ten ás súas costas catro secuestros máis e un homicidio.

    Redacción Barbanza