Os pais do Torre Illa piden que se desdobren as clases de primeiro e segundo

    A ILLA>

     

    Esta mañá 150 pais do colexio Torre-Illa enviaron á administración autonómica cartas solicitando á Xunta que sexa coherente e igual de esixente no cumprimento da ratio de 25 alumnos por aula en Primaria. Aseguran que en cuarto, o centro contaba con tres aulas e elimináronlles unha porque non cumprían ese tope. Pero é que en primeiro hai 51 nenos nunha soa aula e en segundo 52. Os pais piden que se dividan en dúas, porque neste caso, si se cumpre esa ratio.

     

     

    Unha avalancha de pais irrompía esta mañá no edificio do concello da Illa para tramitar unha petición á Xunta. Non están conformes coa política de supresión de aulas e cumprimento de ratios que se está a aplicar no colexio Torre-Illa.

     

    Pero tras entrevistarse co inspector de Educación de Zona e o Xefe de Inspectores, estes trasladáronlles que no caso de primeiro e segundo se aplica outra norma que permite que, en municipios cun só colexio de primaria, se amplíe nun dez por cento a ratio dos 25 alumnos por aula.

     

    Os pais aseguran que o único que piden é que a lei se aplique por igual, e se en cuarto houbo que suprimir unha aula porque non chegaban ós 25 alumnos por clase, en primeiro e segundo, que si daría para desdobrar os cursos con 25 nenos en cada aula, que se faga. Espazo habería, aínda que insisten na necesidade de ampliar as instalacións.

     

    En setembro, cando se reincorporen os profesores do centro das vacacións pediranlles tamén o seu apoio. Agardan a que a cuestión se solucione antes do inicia das clases. Están pendentes dunha reunión co delegado de Educación en Pontevedra, César Pérez. Xa cursaron dúas solicitudes desde a ANPA para ter esa cita e outra desde a concellería de Educación da Illa. Dixéronlles que os recibirían, pero aínda non teñen data. De alongarse máis da conta non descartan outras medidas de presión.

     

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/19/ceipilla.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/19/PROTESTA_PAIS_ILLA.mp4{/flowplayer}