Investigan a autoría das pintadas no petroglifo dos Mouchos

    RIANXO> A Garda Civil continua coas investigacións para dar co paradoiro do posible autor ou autores do acto vandálico do que foi obxecto o petroglifo dos Mouchos, na parroquia rianxeira de Leiro, a comezos de semana. Mentres tanto o concello está a espera tamén do informe de Patrimonio para proceder á restitución do dano. Os feitos en cuestión están a levantar unha gran repercusión na vila, non só a pé de rúa senón tamén a través das redes sociais, xa que se trata dun grave ataque o patrimonio arqueolóxico do municipio. Unha vez analizado o dano por parte de técnicos de Patrimonio, dende o concello agárdase a que nos próximos días se poida realizar, por parte dunha empresa especializada neste tipo de casos, a restitución do dano, e devolver así o xacemento o seu estado orixinal. Aínda así dende o executivo rianxeiro fan unha chamada a prudencia para que ningún veciño intente reparar pola súa conta a brutal agresión, xa que os danos que poderían causarse serian maiores. O que si parace claro e que o petroglifo dos Mouchos non se verá afectado por este acto vandálico.