As mariscadoras de Cabo de Cruz esixen a contratación de vixilantes para combater o furtivismo

BOIRO> O incremento dos casos de furtivismo nas concesións da confraría de Cabo de Cruz foi o detonante da concentración improvisada que tivo lugar este mediodía ás portas da lonxa. As mariscadoras de a pé piden ó patrón maior a contratación de máis vixilantes para disuadir ós mariscadores ilegais.

O conflito entre os colectivos de a flote e de a pé na confraría de Cabo de Cruz está máis vivo ca nunca. Ós vellos problemas pola delimitación das concesións súmase agora a falla de vixilantes, que provoca que as praias estean expostas á acción dos furtivos. Na actualidade a confraría conta tan só con tres vixilantes, dous destinados ás lanchas de control por mar e tan só un para terra.

Ademais de negarse á contratación de máis gardapescas, as mariscadoras denuncian que non lles permiten facer uso dos vehículos da confraría para que elas mesmas realicen as vixilancias.

Cansas de incidir nestas solicitudes e de solicitar unha reunión do patrón maior co colectivo de a pé, esta mañá decidiron non ir traballar e plantarse na lonxa ata ser recibidas polo dirixente do pósito.

Hoxe non conseguiron reunirse co patrón maior polo que seguirán a intentalo nos próximos días ata que logren obter unha resposta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí