O Plan de Acción do Marisqueo busca medidas concretas contra o furtivismo

    RIBEIRA> O primeiro dos nove grupos locais sobre furtivismo que se desenvolverán durante todo o mes en Galicia reuniuse en Ribeira. Nesta xuntanza, responsables do servizo de Gardacostas de Galicia, representantes dos corpos e forzas de seguridade do estado e os patróns maiores das confrarías da comarca realizaron unha posta en común dos problemas relacionados co marisqueo ilegal na zona. Segundo o presidente da Federación Galega de Confrarías o encontro foi moi positivo xa que permitirá facer unha diagnose de cada unha das zonas marisqueiras co obxectivo de artellar medidas máis eficaces para cada caso concreto. As conclusións derivadas de cada unha das reunións dos grupos locais, a seguinte será o día dez en Porto do Son, recolleranse nunha mesa de traballo sobre furtivismo que se desenvolverá previsiblemente en novembro. Enmárcase no Plan de Acción do Marisqueo promovido pola Federación de Confrarías que seguirá este mesmo modelo noutros dous eidos de especial relevancia para o sector: a calidade das augas e a rexeneración biolóxica. Tódalas conclusións derivadas dos encontros dos grupos locais debatiranse nas mesas de traballo que pretenden unificar criterios para a adopción de medidas que permitan a recuperación dunha actividade sumida na crise.