O BNG esixe a Portos maior investimento na conservación dos peiraos de Ribeira

RIBEIRA> O BNG levará ó Parlamento unha iniciativa demandando investimentos nos portos de Ribeira. Denuncian o mal estado en que se atopa non só o peirao de Ribeira senón tamén os de Aguiño, Palmeira ou Castiñeiras supoñendo un risco para os propios traballadores que non contan coas mínimas condicións de seguridade.

Lonxe de ser atendidas as súas demandas, dende o BNG comproban como Portos de Galicia segue sen dar resposta ás necesidades básicas de mantemento, seguridade e operatividade. é máis, o orzamento para 2027 apenas contempla dúas partidas específicas de dez mil euros para os portos do municipio mentres que a partida xenérica para infraestruturas portuarias de toda Galicia sofre un recorte duns tres millóns e medio de euros.

Os nacionalistas levarán ó Parlamento unha iniciativa que se debaterá a próxima semana reclamando a Portos que cumpra a normativa vixente en materia de conservación e mantemento e que desenvolva o plan de actuación acordado polo Consello Sectorial de Pesca de Ribeira e a exención de taxas para os usuarios das instalacións os que non se garantan as mínimas condicións de seguridade.

A este respecto, o voceiro municipal do BNG en Ribeira denunciou o afán recadatorio de Portos de Galicia máis pendente de cobrar pola ocupación que de acometer as actuacións comprometidas como a instalación dun sistema de videovixilancia ou o acondicionamento da lonxa vella como nave de redeiras.

Ademais de dar ás costas ós propios profesionais do sector, o BNG acusa a Portos de Galicia de poñer obstáculos a outras actividades que tamén teñen gran peso na economía e no identidade do municipio. Referiuse ó conflito aberto coa Real e Ilustre Cofradía da Dorna obrigada a trasladarse de local.