O BNG esixe medidas para paliar a crise do libre marisqueo

    POBRA> O deputado do BNG no Parlamento, Daniel Rodas, mantivo unha xuntanza cos patróns maiores do Barbanza para abordar a necesidade de rexeneración dos bancos de libre marisqueo. O BNG esixirá á Consellería do Mar que destine parte do Fondo Europeo Marítimo de Pesca a paliar as consecuencias derivadas da crise que atravesa o sector marisqueiro, que se verán agravadas unha vez iniciada a campaña de libre marisqueo. Así llo comunicou o deputado nacionalista, Daniel Rodas, ós patróns maiores de Arousa cos que mantivo unha reunión para escoitar e recoller as principais demandas do sector. Rodas informou tamén durante o encontro das iniciativas parlamentarias desenvolvidas polo seu grupo dende o ano 2012. A través de varias propostas, os nacionalistas reclamaron accións integrais na ría para a limpeza dos fondos, mellora dos substratos e sementeira de cría. Accións, todas elas, encamiñadas a incrementar a produtividade dos bancos de libre marisqueo. A pesar das reiteradas demandas do sector, o BNG denuncia a desidia da administración autonómica que non ten acometido a rexeneración dos Lombos do Ulla. A menos de dous meses da apertura do libre as expectativas para os mariscadores non poden ser peores.