Ravella e vendedoras apostan por modernizar a imaxe da praza da verdura

    VILAGARCÍA> Concello e asociación de vendedoras de verdura da praza de abastos de Vilagarcía achegaron posturas esta mañá. Nun encontro co alcalde e cos concelleiros de Promoción Económica e de Urbanismo, o colectivo recibiu a confirmación de que Ravella manterá a súa zona de venda sobre a que, ademais, se farán traballos de acondicionamento. As vendedoras tamén trasladaron aos edís varias propostas, como a de aumentar os días de apertura ou a creación dunha marca de calidade para os seus produtos.

     

    Coa reunión desta mañá, o concello conseguiu calmar os temores das vendedoras de verdura da praza de abastos. O goberno local manterá en pé a zona na que venden, abandonando o proxecto de derrube dos seus predecesores.

    Sobre o futuro da zona, o alcalde trasladoulles a súa intención de facer reformas. A semana pasada, o pleno aprobou unha partida de 80 mil euros que destinarán a mellorar as instalacións.

    As vendedoras tamén levaron a este encontro outra das súas propostas: ampliar os horarios de venda. Actualmente, a praza da verdura só funciona martes e sábados.

    Dende o colectivo recordaron que o vindeiro ano estarán de aniversario. O 22 de maio do 2016 cumpriranse 50 anos da apertura da praza da verdura. Unha efeméride que buscan conmemorar con actividades como xornadas gastronómicas, que poñan en valor a calidade dos seus produtos. Buscan tamén impulsar a creación dunha marca de calidade.

    O goberno local adquiriu o compromiso de manter reunións periódicas co colectivo para informar das actuacións a realizar e avanzar na posta en marcha de novas medidas.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/02/praza_vilagarcia.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/02/praza_vilagarcia.mp4{/flowplayer}