![]()
VILAGARCÍA > Esquerda Unida acusa ó alcalde de Vilagarcía de querer clausurarlles a súa oficina municipal. Javier Gago anunciou este luns que desaloxaría do concello a un militante deste grupo que está a usar asiduamente o local ‘sen saber moi ben para que nin en que condicións’. EU advirte a Gago que non estaría lexitimado para intervir dese xeito nesta oficina municipal.
O alcalde de Vilagarcía anunciaba o luns o desaloxo do concello dun militante de Esquerda Unida. Javier Gago sinalou que o edil Juan Fajardo está a permitir que no local deste grupo municipal haxa unha persoa que non é traballadora do concello nin membro da corporación. O rexedor dixo que xa lle advertira en dúas ocasións por escrito que esta persoa non está autorizada, pero non recibiu contestación por parte de Fajardo.
Estas declaracións de Gago xa obtiveron resposta o mércores por parte de Esquerda Unida. Na rolda de prensa compareceron tanto o edil Juan Fajardo como o militante en cuestión, Mariano Ibáñez. Ambos consideran desmesurada a ameaza do alcalde e aseguran incluso que nas cartas de aviso tamén advertía dun posible peche da oficina municipal deste grupo. ‘Como se facía na Dictadura, preténdese clausurar un local político’, sinalou Fajardo.
O mesmo Mariano Ibáñez, militante de Esquerda Unida, aclarou ós medios de comunicación que non vai pola oficina municipal deste grupo tódolos días, como dixo o alcalde, e sinalou que cando o fai dispón do consentimento do edil Juan Fajardo. ‘Vou alí para axudar nas tarefas da agrupación’, indicou. En canto ó anuncio de desaloxo feito polo alcalde, Esquerda Unida advírtelle a Gago que eso só estaría lexitimado en caso de altercado, delito ou intrusismo. ‘Fóra deso é un delicto, imputable tanto ó alcalde como a calquera funcionario municipal’, apuntou Mariano Ibáñez.
Esquerda Unida considera que Gago sacou este tema para enturbiar unha semana de conflictos. Entre eles, o despido de dous profesores da Escola Obradoiro. O voceiro deste grupo, volveu saír en defensa destes traballadores e insiste en que o concello tratou de lavarse as mans para evitar futuras reclamacións económicas.
Redacción Salnés









