O Concello segue adiante co proxecto de mellora da seguridade vial para Montecelo

PONTEVEDRA> O PP pide a retirada dos lombos no vial de acceso ó hospital atendendo ás solicitudes formuladas por varios colectivos afectados Ampliar e construír novas beirarrúas, eliminar as barreiras arquitectónicas existentes ou mellorar a seguridade viaria, a través da construción de novas rotondas e lombos, son algunhas das accións que o executivo pontevedrés pretende introducir na contorna de Montecelo. Os técnicos municipais están a traballar actualmente nesta ambiciosa actuación coa finalidade de poder iniciar xa os traballos antes de finais de ano. O grupo municipal do Partido Popular considera necesario tamén a realización de melloras nos accesos a Montecelo, aínda que non comparte a idea de incluír no proxecto a instalación de lombos no vial ó hospital. Recollen así o malestar de varios colectivos como é o caso do das ambulancias, que poderían verse afectados por esta medida. O Partido Popular non descarta a posibilidade de levar a pleno unha proposta para que sexa a propia corporación a que se posicione ó respecto.