A Fiscalía pide once anos de cadea para o acusado de tirar pola ventá a súa parella

PONTEVEDRA> Un veciño de Pontevedra sentou hoxe na bancada da Audiencia Provincial por supostamente intentar matar á súa parella tirándoa pola ventá da vivenda que compartían en novembro de 2013. Por este feito, e por unha malleira que lle dera uns meses antes, enfróntase a unha pena de once anos de prisión. O acusado conta cun amplo historial delituoso, e xa fora condenado por outro homicidio nos anos 90.

 

Genaro Solla, natural de Cangas e veciño de Pontevedra, foi xulgado esta mañá por un suposto intento de homicidio. Segundo o escrito da Fiscalía, en novembro de 2013 o home tirou á súa parella sentimental pola fiestra do domicilio que compartían nun segundo piso da rúa Víctor Said Armesto.

O acusado negou os feitos e que mantivera unha relación de parella coa vítima. Recoñeceu que vivían xuntos e que a madrugada do 6 de novembro discutiran, pero asegura que a muller caeu pola ventá cando intentaba fuxir.

Segundo o veciño da parella que deu o aviso, as discusións eran frecuentes. Aínda que non viu o acontecido, deu o aviso ao escoitar os berros e a petición de socorro da muller. Os Policías Nacionais que acudiron á chamada, apuntan que se atoparon á muller consciente na rúa, con numerosas lesións que a deixaron en Coidados Intensivos. Tamén que cando foron ao domicilio, o acusado estaba moi nervioso e negábase a abrirlles a porta.

O home tamén foi xulgado por un delito de lesións, cando uns meses antes presuntamente deu varios golpes á vítima en plena rúa.

Por estes feitos, a fiscalía solicita once anos de cadea, un por delito de lesións e dez por homicidio en grao de tentativa. Pide tamén unha orde de aloxamento que impida que se achegue á vítima durante 23 anos, ademais dunha indemnización de 20 mil euros.

Genaro Solla xa conta con antecedentes. Foi condenado por matar a un preso no cárcere de Vigo en 1995, acoitelar a unha peixeira de Cangas no 2002 durante un permiso pernitenciario e por acoitelar a outro home en 2011.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/10/xuizo_violencia_xenero.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/10/xuizo_violencia_xenero.mp4{/flowplayer}