O PSOE introduce Raíña Vitoria e o traslado da feira á Alameda na negociación dos orzamentos para 2024

PONTEVEDRA> En Pontevedra, o Partido Socialista está disposto a negociar co goberno do BNG para sacar adiante os orzamentos para o 2024. Pero non a cambio de nada. A formación presentou hoxe un decálogo de propostas que levarán á mesa de negociación. Suman un total de 6,6 millóns de euros e inclúen, entre outras medidas, a transformación de Raíña Vitoria nunha rúa de plataforma única e a renovación do solo da Alameda para acoller a feira ambulante. Así as cousas, os socialistas aseguran que non teñen liñas vermellas.

O Partido Socialista pon sobre a mesa as súas peticións para apoiar os orzamentos do 2024 en Pontevedra. Trátase dun decálogo que suma 6 millóns 600 mil euros.

Dúas das propostas refírense a cuestións que, ata o momento, contaron coa oposición frontal do BNG. Dunha banda, converter a avenida Raíña Vitoria nunha rúa de plataforma única permitindo o paso restrinxido de vehículos. Da outra, renovar o chan da Alameda para acoller a feira ambulante semanal. Cuestións para as que piden 2,5 millóns de euros e 420.000, respectivamente.

Aplicar a primeira anualidade da nova relación de postos de traballo e incrementar o persoal da área de Benestar Social, duplicar o orzamento anual para o mantemento dos colexios públicos e aumentar o contrato de pequenas obras para acondicionar as vías do rural, son outras das medidas que reclaman os socialistas para apoiar as contas municipais.

O decálogo tamén contempla 180.000 euros para redactar os proxectos da estratexia ‘Pontevedra Flúe, 510.000 para o destape do Gafos e a Vía Verde Pontevedra-Portas ou 700.000 euros para construír un sistema urbano de drenaxe sustentable para evitar os asolagamentos na rúa Pai Fernando Olmedo. A mellora de zonas verdes en Monteporreiro e a actualización do pagamento das subvencións ás entidades deportivas, completan as demandas socialistas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí