Os xardíns de Santa Clara poderán visitarse os días 18 e 19 de decembro

PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra aínda celebra a compra do convento de Santa Clara, pero xa traballa para deseñar o futuro do inmoble. O goberno local calcula que a rehabilitación básica do convento custará uns 8 millóns de euros. Aínda non hai plans definidos sobre o uso que se lle dará ao histórico inmoble pero si hai data para as primeiras xornadas de portas abertas: os días 18 e 19 de decembro a cidadanía poderá visitar os xardíns da propiedade.

8 millóns de euros. Este é o custe que dende o concello de Pontevedra estiman que tería unha rehabilitación básica do convento de Santa Clara. Vintecatro horas despois de  formalizar a súa compra, o goberno local avanza nos seus plans de futuro para o inmoble.

Non se sabe aínda que usos terá o edificio, pero si se comeza a deseñar un calendario de visitas para que toda a cidadanía coñeza esta peza do patrimonio histórico. Mañá está prevista unha visita dos concelleiros de toda a corporación, á que lle seguirán outras de diferentes institucións e colectivos.

Os días 18 e 19 de decembro a horta de Santa Clara abrirase á cidadanía. Serán dúas xornadas de portas abertas e con entrada libre sen necesidade de rexistrarse previamente. Para estas visitas, o concello fará actuacións de posta a punto do terreo valoradas en 14.000 euros.

Aínda non hai data para as visitas ao interior do convento. O concello está a preparar   guiadas con inscrición previa a través da web oficial de Santa Clara, que tamén ten redes sociais propias. Todas serán gratuítas e nas fins de semana.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí