Os traballadores do concello protestarán no pleno pola falta de acordo sobre a RPT

PONTEVEDRA> Os traballadores do concello asistirán ó pleno municipal para amosar o seu malestar polo estado das negociacións sobre a Relación de Postos de Traballo. Aínda que non están rotas, os delegados sindicais non ven avances un ano despois de iniciar as conversas, polo que acudirán ó Teatro Principal para facer visible o seu descontento.

A Asemblea de traballadores do concello, reunida o pasado 30 de novembro pediu ós representantes sindicais que amosen a súa desconformidade co proceder do goberno local no tocante á negociación sobre a Relación de Postos de Traballo. Denuncian que a administración local non atende a peticións e se nega a modificar a proposta económica.

As negociacións comezaron no 2016 coa presentación por parte do concello dun estudo dos postos de traballo. Os delegados sindicais consideran a proposta de base inadecuada por varias razóns. En primeiro lugar, consideran que o documento identifica demasiadas funcións, nalgúns casos reiterativas e con cláusulas xenéricas que impiden a promoción interna.

Ademais, aseguran que o organigrama está obsoleto.

Os representantes dos traballadores tamén se amosaron sorprendidos porque na negociación dos orzamentos municipais se lles comunicou que o estudo se aplicará ó longo de 3 ou catro anos, o que consideran prexudicial para os seus intereses.

No concello de Pontevedra traballan actualmente máis de 500 persoas. Ademais da protesta que realizarán no pleno da corporación, entre hoxe e o mércores manterán reunións con tódolos grupos municipais da oposición. Tamén teñen solicitado unha xuntanza co alcalde, para a que agardan confirmación. Se a negociación segue sen avanzar considerarán convocar novas mobilizacións.