PORTO DO SON> A flota galega do cerco agarda impaciente a decisión de asturianos, cántabros e vascos sobre o intercambio de cota de sardiña con Portugal. De aprobarse esta medida, que precisa do acordo de todo o cantábrico noroeste, reabriríase a zona novena A para a pesca do bocarte. O prematuro peche da pesqueiría do bocarte na oitava C deixou a boa parte da flota galega do cerco con moi escasas posibilidades de pesca. Mentres reclamaban a apertura da novena A viron como o Ministerio decretaba a prohibición de capturar a especie en todo o Cantábrico Noroeste xa que o cinco por cento de cota que quedaba por consumir destinarase a pagar a multa por sobrepesca de xarda. Con este panorama, o Ministerio plantexou a posibilidade de negociar un intercambio de cota de sardiña por anchoa con Portugal. A flota galega apoia de forma unánime esta saída que dependerá, en última instancia, do resto de comunidades que operan no cantábrico. Á espera dunha decisión que podería adoptarse esta mesma fin de semana, os cerqueiros galegos manterán o seu calendario de mobilizacións para esixir un reparto equitativo de cotas entre tódalas comunidades.
Inicio Barbanza - Muros - Noia









