O mercado da Pobra celebrarase o próximo mércores a pesar de coincidir co festivo de San Xoán

A POBRA> O concello da Pobra aposta por celebrar o mercado ambulante o próximo mércores coincidindo coa festividade de San Xoán. Dan así resposta a unha vella demanda dos vendedores que solicitaban manter a data aínda que non caera en día laborable.

Ata o de agora, o concello da Pobra trasladaba a celebración do mercado ó martes se o mércores era festivo. Sen embargo, a próxima semana non será así e os postos montarán coincidindo coa festividade de San Xoán.

A intención do concello é manter esta decisión no futuro aínda que dependerá do éxito e da afluencia de visitantes da próxima semana. Cómpre lembrar que os martes se celebra o mercado no veciño concello de Boiro polo que moitos vendedores perdían un día de traballo cando se trasladaba á véspera.