Carmela Silva aposta por mellorar os salarios dos bolseiros no novo programa de emprego

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/11/deputacion_pontevedra.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/11/deputacion_pontevedra.mp4{/flowplayer}

 

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra toma as súas primeiras decisións en materia de fomento do emprego e de formación. A presidenta provincial anunciou esta mañá a posta en marcha dun novo plan de emprego que favoreza aos concellos. Será semellante ao que xa funciona, aínda que Carmela Silva apuntou que intentarán mellorar as condicións económicas dos bolseiros.

O goberno da Deputación traballa no seu primeiro plan de emprego. O seu equipo levará ao pleno de setembro a incorporación de máis de cinco millóns de euros de remanentes de tesourería e, unha parte, destinaríase a este programa. Os receptores dos novos bolseiros serían, unha vez máis, os concellos da provincia.

A prioridade do goberno provincial é a posta en marcha deste programa. Iso si, a súa intención é modificar as bases do que está en vigor na actualidade, co obxectivo de mellorar as condicións económicas dos bolseiros.

Silva informou tamén da decisión de ampliar o prazo aos bolseiros que están a traballar nos puntos de información turística da Deputación. A prórroga, de seis meses, foi solicitada polos titores, e conta cun orzamento de 35 mil euros.

En materia de formación, a Deputación anunciou a posta en marcha dun programa para que alumnos de Formación Profesional fagan prácticas en empresas do estranxeiro. O Ministerio de Educación concedeulles unha subvención de 1,3 millóns de euros, cun prazo de execución de dous anos. A primeira quenda estará formada por 36 alumnos de 18 centros de FP de toda a provincia, que o 19 de outubro partirán a Italia e Irlanda. Os beneficiados contarán cunha beca de entre 7 mil e 9 mil euros, ademais de 275 de axuda para a viaxe.