Cúmprense as previsións máis optimistas no arranque da campaña marisqueira

    NOIA> Moi boas impresións na primeira xornada de traballo dos mariscadores de Noia. A abundancia de capturas de boa calidade augura unha campaña mellor que en anos anteriores. Aínda insisten, todo dependerá do prezo que acaden as capturas. Moito berberecho de primeira e de segunda. Este foi o panorama co que se atoparon os preto de dous mil mariscadores que volveron ó traballo nunha campaña que este ano se iniciou tres semanas antes do habitual. As optimistas expectativas cumpríronse e os traballadores apañaron os topes sen complicacións en menos dunha hora. Agora tan só agardan que as capturas e prezos se manteñan ó longo de toda a campaña para garantir o traballo ata marzo do ano próximo, cando se prevé que paren.