POBRA> Os nacionalistas da Pobra levarán a pleno unha moción solicitando o apoio da corporación ás emendas presentadas polo BNG ós orzamentos xerais do estado. As alegacións refírense á habilitación de partidas para dar continuidade á rexeneración das Xunqueiras e da Ribeiriña. O BNG presentou dúas emendas ós orzamentos xerais do estado relacionadas con proxectos ambientais na Pobra do Caramiñal. A través da deputada Rosana Pérez, os nacionalistas expuxeron a necesidade de contar cunha partida para dar continuidade á recentemente iniciada rexeneración das marismas das Xunqueiras. Demandan ademais outra partida para a posta en valor dunha área de lecer na Ribeiriña que, trala retirada da antiga nave La Onza de Oro, permanece sen urbanizar. As emendas non se debaterán ata finais de mes no Congreso. Mentres tanto, o BNG da Pobra levará a pleno unha moción instando ó pleno a apoiar estas demandas que supoñen tan só un punto de partida para acometer actuacións integrais nestas dúas zonas.
Inicio Barbanza - Muros - Noia