Un apicultor da Pobra gaña a medalla de ouro no Certame Internacional de Hidromel de Portugal

A POBRA> Fernando Cores vén de situar á Pobra no mapa europeo da apicultura tras gañar o Concurso Internacional de Hidromel celebrado en Portugal. O delegado da asociación galega de Apicultura no Barbanza e O Salnés conseguiu a máxima distinción do xurado cunha elaboración caseira a base de mel e herbas aromáticas.

Tras seis anos impartindo cursos de formación, o delegado da Asociación Galega de Apicultura do Barbanza e o Salnés decidiu dar o salto á alta competición. Unha estrea por todo o alto posto que o seu hidromel caseiro, elaborado a base de mel de castiñeiro e oito especias aromáticas con especial presenza da canela, conseguiu convencer ó xurado do Concurso Internacional Portugués de Hidromel. Ademais de acadar un ouro entre as máis de 500 catas realizadas, conseguiu facerse co bronce na final das finais, disputada unicamente entre os produtores que conseguiron previamente o ouro.

Aínda que este foi o seu mellor resultado, non é a primeira vez que Fernando participa en certames deste tipo. Concorreu ó de España, celebrado en Mallorca, e a outra cita internacional celebrada en Polonia na que outra variedade de hidromel, elaborada con cogomelos e fungos, conseguiu unha altísima puntuación.

Mentres segue a coleccionar éxitos e recoñecementos a nivel internacional, este apicultor pobrense traballa xa nun novo reto: a posta en marcha dunha fábrica de hidromel coa que pasaría de competir na categoría caseira á profesional.