Os mariscadores de Aguiño alternan ameixa e percebe para alongar a campaña

RIBEIRA> Os mariscadores de Aguiño alternan a extracción do percebe iniciada este luns con outros recursos como a ameixa. Aínda que esta especie rexistrou unha baixada da cotización, a confraría fai un balance positivo da campaña na que xa levan traballando dende principios de outubro.

Á espera de volver a saír ó percebe, algo que previsiblemente farán o próximo luns, os mariscadores de Aguiño dedicaron a semana a outras especies. A principal é a ameixa que rexistrou unha baixada da cotización ante a apertura deste recurso noutras confrarías como a de Ribeira.

A pesar deste descenso da cotización os mariscadores están satisfeitos coa campaña da ameixa na que levan traballando dende principios de outubro. Constitúe, xunto co percebe e a navalla, un dos recursos fundamentais deste pósito.

Os profesionais de Aguiño e Ribeira dispoñen tamén de cinco xornadas para a extracción de ourizo antes de que remate o ano que reservarán para as datas máis próximas ó Nadal.