O BNG insta a buscar acordos que permitan a rendibilidade do sector lácteo

    POBRA> O BNG da Pobra amosa o seu compromiso co sector lácteo a través dunha moción para o seu debate no próximo pleno. Instan ó concello a demandar da Xunta de Galicia medidas reais en defensa dos intereses dos gandeiros para poñer fin a unha situación de crise que está a provocar o peche de moitas explotacións. A eliminación das cotas lácteas supuxo, segundo os nacionalistas, o principio do fin do sector en Galicia. Lonxe de incrementar a súa produción, as industrias limitan a rendibilidade dos produtores impoñendo prezos por baixo dos custes de produción o que está abocando a moitas explotacións ó peche. A través da moción que se debaterá no próximo pleno solicitan que o concello inste ós gobernos autonómico e estatal a constituír unha mesa de negociación entre gandeiros e a industria distribuidora. O obxectivo é buscar acordos para o establecemento duns prezos mínimos que garantan a supervivencia do sector. Poñen como exemplo, o modelo francés no que a intervención do estado garante que o litro de leite non se pague por baixo dos custos de produción.