![]()
RIBEIRA> Os adxudicatarios das vivendas sociais de Xarás iniciaron as mobilizacións para esixir a entrega das súas casas, rematadas dende setembro.
{flowplayer}barbanza/vivendasxaras.flv{/flowplayer}
Son vinte e un adxudicatarios que levan máis de seis anos agardando pola súa casa. A meirande parte deles, residen na actualidade en réxime de alugueiro ou en casas que non reúnen as mínimas condicións de habitabilidade.
Cando resultaron beneficiarios con estas vivendas de protección social ningún deles imaxinaba que a ilusión de contar cunha casa se ía convertir, co paso do tempo, nun pesadelo.
Longo camiño
Primeiro foi a quebra da empresa que construía os inmobles, despois veu un longo proceso de varios anos para adxudiciar de novo os traballos de edificación. Unha vez rematadas as casas, a finais de setembro do pasado ano, producíase unha nova demora, desta volta, para resolver trámites burocráticos relacionados coas hipotecas de dúas vivendas.
Con todo, estas familias contaban con recibir as chaves das vivendas no Nadal. Non obstante, xurdiu un novo atranco, xa que as vivendas non contan con suficiente potencia para conectarse a rede eléctrica.
Como medida de presión, as familias iniciaron unha mobilización. Durante toda esta semana se concentrarán diante das vivendas para esixir ao goberno autonómico a súa entrega. Se a solución non chega nos vindeiros días, comezarán unha folga de fame.
Redacción Barbanza








