Boiro Novo recolle a preocupación dos veciños de Cespón sobre a seguridade viaria

    BOIRO> A asemblea Boiro Novo presentará unha moción esixindo melloras na seguridade viaria en Vilariño. Recollen ademais as demandas dos veciños de Cespón que, hai meses, iniciaban unha campaña de recollida de sinaturas para dotar de beirarrúas este núcleo e conectalo co casco de Boiro por vía peonil. Na moción rexistrada por Boiro Novo recollen a solicitude dos veciños de Cespón que, dende hai tempo, reclaman medidas para garantir a seguridade viaria. Demandan non só a construción de beirarrúas ó longo da estrada comarcal que atravesa este núcleo de poboación senón tamén a súa conexión, a través dunha senda peonil, con Boiro. Aínda que a estrada non é de titularidade municipal. Boiro Novo insta ó executivo a demandar estas melloras ante a Xunta de Galicia así como a acometer as tarefas de mantemento e incremento do alumeado que si serían competencia do concello. Pola súa banda, o alcalde informou de que xa está prevista unha actuación na zona. Co obxectivo de confirmalo, e coñecer as previsións que manexa a Xunta en relación con esta estrada, o deputado de AGE, Antón Sánchez, presentou unha pregunta na comisión de infraestruturas.