O goberno da Pobra denuncia a existencia de facturas sen xustificar por 200.000 euros

    POBRA> O executivo pobrense denuncia a existencia dunha débeda de douscentos mil euros a provedores sen xustificar xa que non figuraban nos orzamentos. Ademais, na presentación do estado das contas municipais destacaron a existencia de irregularidades nalgúns contratos. Irregularidade que nega o ex alcalde, Isaac Maceiras, que defende a transparencia e legalidade na xestión ó longo dos dezaseis anos que presidiu o goberno. Apenas tres meses despois de tomar posesión do goberno, o executivo da Pobra fixo público o estado das contas municipais herdado do anterior goberno do PP. Denuncia a existencia de facturas pendentes de pago sen xustificar por valor de douscentos mil euros que o concello non recoñece por non ter consignación orzamentaria. O ex rexedor defendeuse destas acusacións explicando que é totalmente legal que se realicen actuacións non consignadas nos orzamentos xa que a final de ano se inclúen no recoñecemento extraoficial de crédito ou nos orzamentos do ano seguinte. Pero as presuntas irregularidades denunciadas polo actual executivo van máis aló en referencias ós contratos de servizos menores que deben saír a concurso por superar os dezaoito mil euros ou o ano de A estes problemas únese á escaseza de fondos das distintas partidas cos que, denuncian, se atoparon nada máis chegar ó concello coas consecuentes limitacións para prestar os servizos. A falla de fondos, din, contrasta co despilfarro noutros investimentos que viron duplicado o orzamento inicial como o alumeado de Nadal, no que se gastaron vinte e cinco mil euros fronte ós once mil consignados. Con respecto a outras obras en execución, como a rehabilitación do Cine Elma, sinalaron a existencia de débeda pendente das dúas primeiras fases así como a necesidade de modificar o proxecto en termos de accesibilidade. Os membros do actual goberno son moi críticos coa anterior xestión en materia de mantemento de infraestruturas o que obrigou a investir importantes contías na posta a punto de instalacións deportivas ou educativas. Por último, achacan á mala xestión do anterior goberno a existencia de varios procesos contenciosos en curso que poderían ter consecuencias negativas para o concello. A modo de exemplo explicaron a sentenza desfavorable sobre o parque eólico que obrigaría a indemnizar a un veciño afectado pola instalación. Pola súa banda, o ex alcalde que presidiu a corporación durante os últimos dezaseis anos defendeu a total legalidade da súa xestión, avalada polos informes de intervención. Isaac Maceiras ponse a disposición dos novos mandatarios para aclarar calquera dúbida con respecto ás contas municipais xa que, insiste, en ningún momento se puxeron en contacto con el nin con outros membros do anterior goberno para aclarar esas presuntas irregularidades que denuncias.