Sector e administración decidirán mañá sobre a apertura do libre marisqueo

    AROUSA> Os patróns maiores de Arousa mantiveron unha xuntanza coa Conselleira do Mar para analizar as medidas a tomar de cara a apertura da campaña do libre marisqueo. Neste primeiro encontro, Rosa Quintana deu conta das accións realizadas ata o momento para mellorar a produtividade dos bancos. Mañá manterán un novo encontro para analizar os resultados do informe sobre o estado dos recursos. Finalmente a Conselleira do Mar recibía a unha delegación integrada polos patróns maiores que lle recriminaron a tardanza en ter convocado esta reunión, tan só quince días antes da apertura do libre marisqueo. E é que precisamente o futuro desta campaña en Arousa foi o tema central da xuntanza ante a baixada da produtividade nos bancos de Cabío, O Bohído e sobre todo nos Lombos do Ulla que fai que o sector leve anos encadeando campañas moi malas. Rosa Quintana expuxo as accións que se teñen desenvolvido ata o momento nestes bancos para incrementar a produción de bivalvo, centradas principalmente na retirada de deprazadores, limpeza de fondos e remoción do sedimento. Accións que dende o sector cualifican de tardías e insuficientes, xa que as confrarías levan meses reclamando o dragado dos Lombos do Ulla. A Consellería non contempla esta opción ante os informes técnicos que a desaconsellan. Os patróns maiores quedaron emprazados para outro xuntanza que se desenvolverá mañá a partir das nove da mañá. Nela analizaranse as alternativas ante a inminente apertura do libre marisqueo. Os patróns maiores puxeron sobre a mesa a necesidade dun paro biolóxico acompañado de accións a medio e longo prazo que permitan a recuperación dos bancos. Pola súa banda, a Consellería estuda tamén a posibilidade de establecer, nun fututo, un modelo de xestión conxunta do libre por parte das confrarías. Esta reunión chega tan só un día despois da comparecencia da Conselleira no Parlamento quen indicou que, dende o seu departamento, seguirán a traballar para buscar unha solución á difícil situación que atravesa o libre marisqueo. Rosa Quintana aposta tamén pola necesaria unidade do sector para superar esta crise. Pola súa banda, o BNG non admite estas explicacións e acusa á consellería de incumprir reiteradamente os compromisos co sector sen tomar medidas para paliar a caída de bivalvo en Arousa. Por outra banda, dende a federación galega entenden a reclamación de Arousa pero lembran que se trata dunha iniciativa dos patróns maiores xa que non se ten canalizado formalmente a través da federación. De feito, Tomás Fajardo non ocultaba a súa sorpresa ó decatarse deste encontro do que non tiña coñecemento.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí