Galicia solicita un adianto das cotas do rape e da raia

    PORTO DO SON> A Federación Galega de confrarías solicitou á Secretaría Xeral de Pesca un adianto da cota de rape do último trimestre do ano. Agardan así poder volver a capturar a especie ó longo da segunda quincena de setembro, tras esgotar o TAC do actual trimestre. Unha vez esgotada a cota de rape para o presente trimestre, Galicia solicitou o adianto dun dez por cento da cota do cuarto trimestre do ano para artes menores. Dende a federación galega xa consultaron co resto das flotas do cantábrico que se amosaron favorables na súa maioría polo que confían en que o Ministerio acceda á súa petición. Deste xeito, os mariñeiros poderían dedicarse a esta especie nesta segunda quincena de setembro xa que no cuarto trimestre, a apertura da centola, fai que descendan as capturas de rape. Algo semellante acontece coa raia, co TAC do presente ano esgotado dende finais de maio. Galicia demandará un dez por cento de adianto con cargo á cota do próximo ano. Neste sentido tamén proporán que o stock de raia se xestione por trimestres e non de xeito anual para dotar de maior flexibilidade a pesqueiría.