Vilanova ofrecerá clases de gaita para cubrir o oco da escola provincial

    VILANOVA>

     

    A Escola de Música de Vilanova intentará cubrir o baleiro deixado pola Escola de Gaitas da Deputación, despois de que o actual goberno provincial decidira prescindir desta actividade formativa. O centro vilanovés ofrecerá neste curso a materia de gaita galega, sempre que haxa suficientes matriculades. A inauguración das clases será o próximo mércores no Pazo de Vista Real, emprazamento provisional mentres non se remata o novo Auditorio municipal.

     

     

    O próximo mércores a Escola de Música de Vilanova comeza o curso estreando emprazamento provisional en Vista Real e coa posible incorporación dunha nova materia. Ás clases de Iniciación á Música, Música en Movemento e instrumentos das familias de vento madeira, metal, piano, guitarra e percusión, podería sumarse a de gaita tradicional. A decisión tomouse a última hora, despois de coñecer que o actual goberno da Deputación de Pontevedra decidira prescindir da Escola Provincial de Gaitas, que contaba cunha sede no municipio.

     

    A supresión da Escola de Gaitas anoxou e moito ó alcalde de Vilanova, que considera a medida unha  especie de ‘vinganza política’ contra o anterior executivo popular.

     

    En gaita galega e nas demais materias que oferta a escola poderá realizarse a matrícula na primeira semana de clase, o mércores 23 e venres 25 de cinco a oito da tarde. Aínda que a dirección manterá aberta a posibilidade de que novos alumnos se incorporen ó centro durante todo o curso. O centro partirá con 110 estudantes de idades comprendidas entre os tres e os 40-50 anos. Este ano tocará aprender música no Pazo de Vista Real, debido ás obras que se están a realizar no Auditorio. Desde o goberno local agardan que o próximo ano, coincidindo co décimo aniversario da Escola, os alumnos poidan inaugurar o novo centro.

     

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/18/escolamusicavilanova.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/18/ESCOLA_MUSICA_VILANOVA.mp4{/flowplayer}